26 sept 2020

Lingua Galega e literatura

Esta entrada fareina no noso idioma, xa que se trata da lingua galega.

TERRITORIO NO QUE SE FALA


Galicia ten máis de 2.800.000 habitantes. O territorio xeográfico da lingua galega está delimitado pola Comunidade Autónoma galega e as áreas máis occidentais de Asturias, León e Zamora, ademais de tres pequenos lugares de Estremadura. A distribución do galego é xeograficamente homoxénea, sen que existan áreas territoriais nas que non se constate o seu uso.

Ademais diso, e polas circunstancias históricas da emigración da poboación por todo o mundo, existen áreas con ampla presenza de comunidade galega que conservaron a súa lingua como vehículo comunicativo, non só no ámbito privado, senón tamén no público, a través de publicacións periódicas, literarias ou mesmo na comunicación radiofónica dos países de acollida. Persisten amplas comunidades de falantes en cidades como Barcelona, Zúric, Montevideo ou Bos Aires.

STATUS LEGAL

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado en 1981, recoñece o galego como lingua propia de Galicia e cooficial da comunidade, que “todos teñen o dereito de a coñecer e usar” e, ao mesmo tempo, responsabiliza os poderes públicos da normalización do galego en todos os ámbitos. A Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade o 15 de xuño de 1983 no Parlamento de Galicia, garante e ordena os dereitos lingüísticos dos cidadáns, especialmente os referidos aos ámbitos da Administración, a educación e os medios de comunicación.

ORIXE E BREVE HISTORIA

A lingua galega pertence á familia das linguas románicas e é o resultado da evolución do latín introducido polos romanos no noroeste da Península Ibérica. Desde o século IX, a lingua falada nesta área era tan diferente que podemos considerar a existencia de dúas linguas: o latín e o galego. O documento literario máis antigo que coñecemos actualmente é a cantiga satírica “Ora faz ost’o senhor de Navarra", escrita a fins do século XII por Joam Soares de Pavia. Este foi o período máis brillante da literatura galega. O galego chegou a ser a lingua da poesía lírica en toda a península. Fálase de poesía lírica galego-portuguesa, porque ata mediados do século XIV formaron un mesmo tronco lingüístico.

A fins do medievo, a lingua e a literatura galegas entraron nun período de decadencia provocado fundamentalmente por un contexto sociopolítico dominado por unha clase mandataria foránea e allea aos intereses culturais e identitarios de Galicia. Malia a pervivencia da lingua no ámbito do privado e dos contextos de comunicación informal, o galego estivo ausente dos usos escritos durante un longo período de tres séculos –XVI, XVII e XVIII– chamados Séculos Escuros.

No século XVIII houbo voces que, influenciadas polos ideais ilustrados, mostraron a súa preocupación polo subdesenvolvemento do galego e ofreceron novas achegas aos ámbitos económico, social e cultural.

Rexurdimento é o nome do noso movemento de renovación cultural, que tivo lugar ao longo do século XIX. Cantares Gallegos, a primeira obra escrita totalmente en lingua galega, publicada en 1863 por Rosalía de Castro, inaugurou o Rexurdimento pleno. A primeira gramática e dicionario galegos, esenciais para a súa estandarización, apareceron tamén no século XIX.

A consolidación do galego non tivo lugar ata o século XX. A recuperación do galego como lingua histórica, cultural e literaria confirmouse cara a finais do século XX, coa consecución do seu status de lingua oficial xunto co castelán en Galicia, a fixación dunha norma ortográfica e morfolóxica, a súa introdución no ámbito escolar etc. É a lingua dos medios de comunicación públicos de Galicia e actualmente ten presenza cotiá nos espazos comerciais e de ocio. Así e todo, na actualidade afronta tamén dificultades, fundamentalmente no ámbito empresarial e mesmo nos contextos familiares das principais urbes galegas, nas que está a aumentar a presenza do castelán como lingua principal dos fogares.

https://www.xunta.gal/a-lingua-galega

Aunque non o fale no meu día a día, amo o galego, paréceme unha lingua que conta a historia dos galegos e que é moi bonita. 

Os meus avós, galego falantes, son con quen máis o falo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Veterinaria Zaragoza

La Veterinaria es una profesión vocacional, imprescindible para la sociedad y fuertemente comprometida con ella, que resulta, sin embargo, p...